Desde Rusia sen amor e os xogos dos pantanos

Do ‘verán do amor’ ao escuro outono IV. Desde Rusia sen amor e os xogos dos pantanos

Ao complexo sarillo que andamos a esmiuzar en diversos artigos sobre o que aconteceu no verán (ao respecto da luz, o prezo da electricidade, a excepción ibérica, a compensación do tope de gas), cómpre unirlle dous elementos que sacudiron o mercado eléctrico. Un leva moito tempo roldando por riba de toda Europa -o gas ruso- e o outro repítese dende hai meses en tempos de seca, vagas de calor e turismo hiperactivo. Mais imos por partes:

Á volta do estío, a Unión Europea manifestou a inédita intención de modificar o mercado eléctrico comunitario. A excepción ibérica parece que, talvez, deixará de ser excepción e de ser ibérica. Nesa liña manifestouse Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, quen se amosou favorable á intervención. Ademais, deu un paso máis alá en referencia ao pacto acadado no seo do G-7 de marcar un “tope” ao petróleo ruso. Von der Leyen asegurou que ese límite debería aplicarse nun futuro inmediato tamén ao gas procedente de Rusia. Esta sucesión de anuncios intervencionistas provocou a reacción xa coñecida de Moscova: o feche da billa do gas a Europa. O agardado e temido corte do subministro tivo -e terá- un marcado impacto no mercado eléctrico, sobre todo na Europa máis dependente do gas manexado polo monopolio de Gasprom.

E como xogaron coa hidroeléctrica?

Fáltanos un punto por desenvolver nesta radiografía do que aconteceu nos últimos meses co prezo da luz: a conduta das eléctricas que xestionan as centrais hidroeléctricas. Se volvemos mirar os récords do verán, podemos tomar como referencia o caso do 30 de agosto. Ese día, o prezo medio chegou aos 201,96 euros por MWh -aos que se lles sumamos a xa explicada compensación ao tope de gas e outras peaxes, dános a cifra sinalada ao comezo desta serie de artigos: 459,4 euros-. Pero non foi o gas o que empurrou até este máximo, senón a hidráulica. De feito, isto puido ser unha tónica xeral ao longo do verán. Calcúlase que a enerxía hidroeléctrica marcou o prezo no mercado maiorista no 65% das horas durante xuño e xullo, mentres que en agosto determinou o 59%.

No caso da hidroeléctrica, as compañías que xestionan os pantanos poden ofertar a enerxía no momento que consideren oportuno, tendo en conta variábeis como a auga embalsada, a previsión de choivas e a estimación do prezo de custo da enerxía por horas. As compañías, o que supostamente fixeron foi abrir a comporta nos intres precisos para maximizar os seus beneficios fixándose no prezo que ía marcando o ciclo combinado (é dicir, o dependente do gas) e axustar o seu prezo ao inmediatamente anterior. Deste xeito, unha enerxía renovábel como é a hidroeléctrica cun recurso natural sen custes engadidos, cunhas instalacións amortizadas e construídas en grande medida polo iniciativa estatal, non ofertou a enerxía a un prezo razoábel segundo os seus custes, senón que o fixo aproximando o prezo ao do ciclo combinado. Así optimizaron os beneficios ao manter os prezos o máis elevados posíbel.

Cara á un incerto inverno

Nos artigos que vimos compartindo na nosa web analizamos estas claves,  algunhas das que  de forma máis importante influíron con maior impacto no convulso asunto da electricidade. Os custes enerxéticos marcaron récords históricos e os prezos continuaron a subir mentres que a cidadanía, malia guerras, inflacións e ameazas de recensións continentais, quixo recuperar un verán normal tras dous anos de restricións pandémicas. Foi, en certo xeito, un novo “verán do amor” de desafogo, de desconexión e mais de normalidade. Agora pode que ese verán anestesiado remate ao ritmo do seu Charles Manson particular: un outono ben escuro. E quizais un chisco maníaco.