Que inversor preciso para a miña instalación fotovoltaica?

Para comprender cales son as diferenzas entre os distintos tipos de inversores, cómpre  trazar primeiro un breve repaso ao funcionamento dos paneis fotovoltaicos. O seu desempeño baséase, fundamentalmente, na célula solar fotovoltaica que está constituída por capas de silicio enriquecido por fósforo e boro. Estes materiais teñen a propiedade de xerar unha corrente eléctrica dende o momento que reciben a radiación solar. Os fotóns da luz, ao impactaren nos paneis, liberan electróns creando un fluxo eléctrico.

Malia todo, a enerxía xerada neste proceso debe pasar un proceso de adaptación, de xeito que a corrente continua obtida nos paneis ha de se transformar en corrente alterna. Esa é a función principal dos inversores, que ademais cumpren con outra serie de obxectivos.

En primeiro lugar, encárganse de optimizar a produción das placas solares e de mellorar o rendemento do conxunto da instalación.

En segundo lugar, os inversores actúan como un dispositivo de seguimento e de captación de datos. Achega resultados sobre a produción, a funcionalidade da instalación e realiza rexistros de actividade de cada unha dos paneis para garantir o normal funcionamento ou evitar perdas. En caso de avarías, facilita unha información precisa para detectar os problemas. Os resultados pódense consultar no propio inversor, mais tamén en determinadas instalacións, cun traballo en rede, a súa consulta resulta posíbel en dispositivos remotos.

Outra das funcionalidades dos inversores é a sincronización coa rede eléctrica, de xeito que se regule a enerxía producida pola nosa instalación en concordancia con outras fontes eléctricas procedentes da rede xeral ou de baterías. Así, realízase un control do fluxo para aplicar compensacións en determinados momentos se for necesario. Neste punto, cómpre lembrar que hai inversores que unicamente son apropiados a instalacións illadas da rede eléctrica, outros que só serven para instalacións con conexión á rede e outros, de emprego mixto.

Por último, hai que ter presente outro dos obxectivos de gran parte dos inversores: o seguimento do punto de Potencia Máxima (ou en inglés MPPT, siglas que responden a “Maximum Power Point Tracker”). Os inversores con MPPT procuran o balance entre voltaxe e corrente nos que os paneis actúan a súa máxima potencia. Con este control do nivel de tensión, búscase maximizar a potencia da instalación no seu conxunto.

Tipos de Inversores  

Máis alá da conexión á rede xeral,  hai outros criterios (consumo xeral, requirimentos técnicos ou natureza de servizo da instalación, sexa esta de complexo residencial, vivenda unipersoal ou de carácter empresarial), que debemos ter presentes para escoller o tipo de inversor máis acaído para dar resposta ás necesidades. Principalmente, podemos distinguir tres grandes grupos de inversores.

Inversores en cadea, centralizado ou string. Son os modelos máis xeneralizados e resultan os máis económicos na actualidade. Non obstante, non se pode esquecer que ao ser un único inversor non distingue entre as diferentes placas e acabará por producir tanta electricidade útil como a placa solar que menos produza. Desaconséllase para cubertas con moitas horas de sombra ao día ou coa concorrencia de obstáculos (cornixas,  chemineas, cubertas en desniveis).

Microinversores. Resultan economicamente máis esixentes ao seren máis eficientes, xa que se instalan en cuberta en cada placa solar. Así, no caso de que haxa unha que non funciona ou que se atope durante máis horas á sombra, garántese unha produción efectiva constante. Resulta máis recomendable para instalacións con diferentes niveis, de maior tamaño, con maiores necesidades de optimización ou que precisen de información máis polo miúdo e con balance individualizado por placa.

Optmizadores de potencia. Este terceiro formato está a medio camiño entre ambos os dous anteriores. Cada panel conta co seu inversor individual, mais todos acaban por enviar a enerxía a un inversor centralizado. Entre as vantaxes que atopamos neste modelo, destaca que resulta máis eficiente que a instalación cun inversor en cadea e ten un mantemento máis económico que no caso dos microinversores. Tamén achegan información individualizada do rendemento, da produción , de posibles anomalías, etc.

Ademais destas grandes categorías, hai outras clasificacións que atenden as cuestións técnicas e de abastecemento. Así, existen por exemplo os inversores de onda sinusoidal e de onda senoidal modificada, sendo os primeiros os habituais en vivendas e os segundos os máis acaídos para usarmos en industrias.

Se tes dúbidas de modelos de inversores, funcionamentos e necesidades para a instalación na túa empresa, en E.nova asesoramos e aclaramos dúbidas deste e outros aspectos para sistemas fotovoltaicos.