O Grupo Da Cunha aposta polo autoconsumo renovable ao instalar da man de E.nova Enerxía unha das plantas fotovoltaicas de maior envergadura de Galicia

A cuberta da sede da empresa no concello de Carral acolle esta planta de 410 KWp de produción eléctrica coa que a firma cobre o 30% das súas necesidades enerxéticas

Manuel Da Cunha, presidente fundador do Grupo Da Cunha, recibe o director xeral de Planificación Enerxética da Xunta, Pablo Fernández Vila;  o alcalde de Carral, Javier Gestal, e o xerente de E.nova Enerxía, Xurxo López, para a inauguración oficial da planta fotovoltaica

O Grupo Da Cunha, referente do sector panadeiro e da industria alimentaria en Galicia, aposta polas enerxías renovables ao establecer nas cubertas da súa sede no polígono Os Capelos, en Carral, unha planta fotovoltaica de 410 kWp, que se converte nunha das instalacións máis grandes de Galicia destas características. Con esta planta, o Grupo da Cunha cubrirá a través do autoconsumo o 30% das súas necesidades eléctricas e reducirá as súas facturas da luz ao redor dun 25% ao ano.

Así o explicou esta mañá Manuel da Cunha, presidente fundador do grupo que leva o seu nome, na inauguración desta novidosa planta de enerxía solar na que participaron tamén o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, Pablo Fernández Vila; o alcalde de Carral, Javier Gestal, e o xerente de E.nova Enerxía, Xurxo López. “As placas fotovoltaicas significan un aforro importantísimo nun ano en que o consumo pasou de 20.000 euros nun mes normal a máis de 65.000 euros”, sinalou Da Cunha, quen subliñou a importancia do aforro enerxético que permite unha instalación fotovoltaica. Da Cunha, ademais, conduciu unha visita guiada polas instalaciós da empresa co conxunto de convidados. Entre eles, atopábanse representantes do grupos municipais do Concello de Carral e empresarios da contorna.

A eléctrica compostelá E.nova Enerxía foi a encargada da instalación desta planta que conta con 820 paneis nas cubertas da sede do Grupo Da Cunha. A planta entrou en funcionamento este verán pasado. “O autoconsumo renovable é un paso fundamental que cómpre dar, tamén dende o ámbito empresarial e industrial, sobre todo nun contexto tan complexo como o que estamos a vivir ao respecto dos prezos da enerxía”,  sinalou Xurxo López, antes de adiantar que E.nova Enerxía e Da Cunha xa están a colaborar “para a instalación dunha nova planta fotovoltaica na nave en Tabeaio, lugar orixinal onde se fundou o grupo”.

A planta fotovoltaica do Grupo Da Cunha contou co apoio da Xunta de Galicia a través da liña de subvencións a proxectos de enerxía fotovoltaica xestionada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega). O representante da Xunta sinalou na súa intervención a aposta que desde o Goberno autonómico se está realizando polo autoconsumo e o almacenamento enerxético  como eixo fundamental para a transición enerxética e explicou que o orzamento do Inega para 2023 aumentará ata preto dos 80 millóns de euros.

Pola súa banda, o alcalde de Carral amosou a súa satisfacción pola implicación coa transición enerxética dunha empresa tan importante para Carral como é o Grupo Da Cunha. “Esta é un grupo que representa moito para Carral”, explicou Gestal antes de pór en valor a inequívoca vontade de apoiar dende o Concello o tecido empresarial do municipio.