A deriva da luz ante a promesa da excepción

Do ‘verán do amor’ ao escuro outono (I): a deriva da luz ante a promesa da excepción

Winter is coming. E os avisos que houbo -e que abordaremos nunha serie de artigos- sobre un outono negro nos últimos meses foron, por dicilo dalgún xeito, anestesiados durante un verán en que non poucos quixeron recobrar todo o perdido na pandemia. O turismo recuperou terreo en comparanza aos dous últimos anos e, nalgúns casos, bateu marcas históricas nun contexto estival en que a crise enerxética, loxicamente, nin esvaeceu nin marchou de vacacións, senón que se agravou a pesar das medidas que se están a tomar tanto en España coma en Europa. Igual que un deses pacientes medio rabudos e medio temerosos, o groso da sociedade preferiu pasar por alto os síntomas da doenza. E tamén, os magros efectos dos tratamentos. O 21 de setembro despedimos o que quixemos que fora outro “verán do amor”.

O estío comezou, precisamente, coa aplicación dunha terapia de choque para reducir a factura da luz  -e por consecuencia, o seu efecto directo sobre a inflación- a través dunha medida concreta: capar o prezo máximo do gas. Esta fórmula de intervención, inédita tanto no mercado común da Unión Europea coma no seu sistema eléctrico, coñeceuse como a “excepción ibérica”. En esencia, o mecanismo consiste en que Portugal e España, por atoparse case que nunha “illa enerxética”, poden limitar a entre 40 e 60 euros o prezo xeral do gas para as centrais de ciclo combinado. Isto fai que o custo de produción de electricidade ao que ofertan as plantas de ciclo combinado baixe artificialmente e por extensión tamén se reduza o prezo da electricidade en xeral no pool, que vén sendo o mercado marxinalista para a electricidade cuxo funcionamento explicamos nestoutro artigo.

O inicio desta ferramenta excepcional aplicada en Portugal e España, tamén coñecida co nome de tope de gas, tivo os seus atrancos e estivo a piques de se converter nun auténtico fracaso. Xusto ao comezo da súa aplicación, o 15 xuño de 2022, a primeira vaga de calor intensa varreu a práctica totalidade  da Península e disparouse o consumo eléctrico por mor da utilización masiva do aire acondicionado.

Como se comportan os prezos ante a exepción ibérica?

A realidade é esa: aínda coa excepción ibérica, se o consumo global aumenta, se precisamos queimar gas e este é caro, os prezos da luz continuarán a se incrementar, mais non tanto como o farían de non existir o tope ao gas. Como exemplo do anterior, neste pasado verán marcáronse picos de récord histórico do prezo da luz: o 23 de agosto subiu en hora punta até os 365,33 €/MWh e o 30 de agosto, chegouse aos 459,4 €/Mwh. Ao longo do oitavo mes do ano, batéronse en total oito récords consecutivos.

Entón, a excepción ibérica ou tope de gas está a ter algún efecto? En realidade está a ter varios. O primeiro: o prezo está a medrar, si, pero non tanto como o faría sen o tope ao gas. É dicir, se comparamos cos países da nosa contorna europea, as súas cifras sitúanse moi por riba. O 23 de agosto, en Francia acadáronse os 645 euros/MWh, mentres que en Alemaña superáronse os 624 e en Bélxica, os 611. Subir si que subiu, pero moito menos que nos estados comunitarios que carecen deste mecanismo ibérico. Para maior exemplo dos efectos da medida á hora de amortecer a suba no prezo da electricidade, podemos tomar os dato do prezo medio de setembro, onde para España o prezo maiorista pechou en 244,23 €/MWh, mentres en Francia fíxoo en 530,81 €/MWh ou no Reino Unido en 580,55 €/MWh. Por tanto, de forma xeral poderiamos dicir que excepción ibérica en setembro reduciu en máis dun 50% o prezo do mercado maiorista da electricidade, topando o prezo do gas.

Porén, hai outros efectos secundarios que trouxo o tope de gas e que aínda non son demasiado coñecidos aínda que teñen un impacto considerable sobre a economía en xeral. En resumo: a exepción ibérica pagámola entre todos e todas. E velaí vén a letra pequena dos contratos… De todos os contratos. E a expresión non é aleatoria, mais tratarémola no seguinte artigo.