A factura da luz: potenciar as renovábeis para sacar o gas da ecuación

Dende finais do verán pasado, as noticias sobre as subas no prezo da luz fóronse multiplicando até chegar a ser unha das máximas preocupacións da cidadanía coa chegada do inverno primeiro e o estouro da guerra na Ucraína despois. Mais nas últimas semanas, tamén a prensa recolle as caídas no prezo por mor da maior produción das enerxías renovábeis e tenta explicar en que consiste a chamada “excepción ibérica”. No seguinte artigo, explicaranse algunhas claves para entender as flutuacións nas facturas da electricidade e o decisivo que resultan nas baixadas as renovábeis.

Que é o mix enerxético?

O mix enerxético (tamén chamado matriz ou mestura enerxética) é o conxunto de fontes enerxéticas coas que conta un determinado país. É o xeito en que se estrutura a súa produción eléctrica total, que se pode fragmentar en tres grandes áreas atendendo á súa orixe: renovábeis (eólica, solar, hidroeléctrica, etc..), fóseis (gas, petróleo, carbón) e nuclear. O mix dun país vai determinar, en grande medida, cuestións fundamentais como son importacións/exportacións enerxéticas, a dependencia do exterior, a resistencia fronte as convulsións internacionais, as dificultades ás que se enfronta no proceso de descarbonización, etc.

E o pool eléctrico? 

O pool eléctrico é o mercado  maiorista no que produtores e comercializadoras, xunto a outros axentes autorizados, negocian a compravenda de electricidade. É neste ámbito onde se acaba por determinar o prezo diario da luz por horas. Para marcalo, aténdese a oferta e a demanda e emprégase EUPHEMIA, que é o nome que recibe o algoritmo que lle indica o camiño ao Operador do Mercado Ibérico de Enerxía -a entidade reguladora do pool en España e Portugal-, para chegar á chamada casación do prezo.

Simplificando moito, o procedemento (que en certo xeito se podería comparar cunha poxa pública con variábeis de corrección) redúcese a atopar o punto de corte na gráfica entre a oferta de venda de enerxía e a demanda de adquisición. Este cálculo, chamado marxinalista, conta cun factor de corrección fundamental que procura homoxeneizar o prezo, xa que os custos varían segundo a fonte enerxética. No pool unifícanse as cifras tomando como referencia válida o prezo máis elevado. Esa é a corrección.

Esta é a circunstancia pola cal, en moitos ámbitos, o funcionamento do pool está a compararse cunha carnicería na que se mercas mortadela, peituga de polo e xamón de Jabugo, cóbranche todo ao prezo do famoso (e ben caro) embutido onubense.

E o gas como inflúe no pool?

E aquí chegamos a unha cuestión chave non só para entender o caso do estado español, senón o de toda Europa. A Unión Europea creou un mesmo mercado eléctrico no que se estableceu a norma de pagar o conxunto da electricidade polo prezo da fonte máis cara. Ademais, produciuse un acoplamento entre o prezo do gas e o da electricidade na medida en que as centrais de ciclo combinado – que queiman gas para produciren electricidade – se teñen convertido nunha sorte de base para garantir o sostemento do sistema eléctrico. É dicir, os países cuxa produción non cobre as necesidades da demanda con outras fontes, recorren ás centrais de ciclo combinado – ao gas – como fonte supletoria de subministro. Foi a maneira que atopou a UE de marcar un elemento estable para tentar garantir durante anos prezos reducidos, garantir un funcionamento homoxéneo do mercado e completar as necesidades enerxéticas de cada país.

Porén, a situación mudou por completo por varios factores: o proceso de descarbonización, o desmantelamento das centrais nucleares, o encarecemento dos recursos fósiles, unha maior competencia internacional e, xa nos últimos tempos, a guerra en Ucraína. Estes elementos fan que aumente o prezo do gas e por extensión do prezo da luz de cada país europeo.

Por poñer un exemplo paradigmático e ben clarificador: Calcúlase que en Francia o 70% de enerxía é de orixe nuclear, que conta uns custos moito máis baixos ao non implicar importacións nin taxas por emisións á atmosfera. Mais esa produción nuclear non chega para garantir o consumo nacional en gran parte do inverno, polo que se complementa co subministro de gas, que ten un prezo máis elevado. Este último prezo é o que vai determinar o custe de toda a enerxía do mix, independentemente da súa orixe.

E as renovábeis como inflúen no prezo?

O prezo no pool das enerxías renovábeis, ao igual que a nuclear e por motivos moi semellantes, é sensibelmente inferior á que depende do gas. Se un país consegue que con enerxías renovables se dea resposta ao conxunto da demanda, o gas e o seu prezo saen da ecuación. E iso é o que está a acontecer nas últimas semanas por tres factores:

  • coa chegada da primavera e o incremento das temperaturas reduciuse a demanda na medida en que o gasto en calefacción é
  • O incremento de horas de luz reduce tamén o consumo e garante un importante rendemento da produción solar, sobre todo en horas centrais do día. O gas, polo tanto, fica fóra do pool.
  • Crecemento xeralizado en España da eólica e da solar que, xunto a tradicional hidroeléctrica, conforman a tríade de principais enerxías renovábeis

Que é a excepción ibérica?

Co obxectivo de mitigar as subas do prezo da luz e de reducir o seu impacto nunha inflación que xa supera o 10%, España e Portugal fixeron fronte común na Unión Europea para introduciren a seguinte limitación a esa influencia do gas no conxunto da enerxía: Independentemente do prezo que marque o gas nos mercados internacionais, o prezo xeral do gas para as centrais de ciclo combinado roldará uns prezos de entre 40 e 60 euros durante 12 meses, dependendo de diferentes factores. Isto fará que o custo de produción de electricidade das centrais de ciclo combinado baixe artificialmente a un abano de entre 100 e 130 euros por MWh, e que por tanto baixe o prezo da electricidade en xeral – para todo o pool  – até eses niveis.

A motivación desta excepción baséase na situación xeográfica da Península Ibérica. Ambos os dous estados non contan con demasiadas conexións eléctricas co resto de países da Unión. Isto implica unha importante desvantaxe: non teñen fácil recorrer a estados veciños para acadar compensacións con outras fontes enerxéticas. Isto é algo que si fan de forma regular os países centroeuropeos para resistir as subas do gas.

A excepción ibérica, que esperta preocupación na Unión Europea e nos países de corte máis liberal ao ser na práctica unha regulación inédita no mercado común, está pendente da súa posta en marcha. Malia anunciarse a súa aprobación no Consello de Ministros para esta semana, adiarase, en principio, até a próxima por mor do que o Goberno cualificou de “problemas técnicos”.

Para alén do anterior, este mecanismo vai crear un diferencial entre o prezo real de produción das centrais de ciclo combinado e o prezo artificialmente reducido. Este diferencial deberá ser compensado ás anteditas centrais e asumido igualmente polo conxunto de axentes do sector: consumidores, produtores, comercializadores, administración pública, etc. En como se reparta a carga da amentada compensación fica boa parte do éxito da denominada excepción ibérica, mais iso xa vai ser outra historia. Continuará…