Entre a tecnoloxía solar transparente e a enerxía con bágoas

A procura de novas alternativas enerxéticas está a achegarnos distintas novidades, que aínda que hoxe poidan soarnos bastante sorpresivas forman parte das follas de ruta de equipos científicos de distintos países.

A tecnoloxía solar transparente é unha aposta de futuro como enerxía e como alternativa para a redución do uso de combustibles fósiles. Así o entende o equipo da Universidade de Michigan liderado por Richard Lunt que afirma que as células solares altamente transparentes “representan a tendencia de futuro para as novas aplicacións solares”.

Segundo explica a revista Muy Interesante, trátase dun sistema de recolección baseado en moléculas orgánicas que absorben ondas invisibles de luz solar. Un material parecido a un plástico transparente que se podería usar en casas, teléfonos móbiles ou na xanela dun coche.

Os científicos estiman que detrás da tecnoloxía solar transparente hai un enorme potencial.

E a electricidade con bágoas?

A lisozima é fonte de enerxía. Esta proteína que está presente nas bágoas, na saliva ou no leite, é capaz de servir como fonte de electricidade. Esta encima, na súa forma cristalizada, pode manipularse para producir unha carga eléctrica.

Esta foi a conclusión de científicos do Instituto Bernal de Limerick (Irlanda), froito das súas investigacións que determinaron que ao aplicar presión a unha película de cristais de lisozima, entre dúas diapositivas de vidro, prodúcese unha forma de enerxía denominada piezoelectricidade.

Son dúas mostras das posibilidades que se abren no campo enerxético, en base aos estudos que levan anos realizándose nas universidades, cos científicos conscientes de que se necesitan novas fórmulas para un futuro non moi afastado.