Enerxía verde certificada

Nos últimos tempos existe unha crecente sensibilización polo medio ambiente, cuestión para a que o mercado enerxético ten moito a dicir, en tanto que é un actor fundamental na explotación dos recursos naturais como fontes de enerxía.

Esta nova mentalidade provoca que os consumidores sexan máis sensibles ás chamadas enerxías renovables e ós produtos verdes, e que en consecuencia o mercado enerxético tamén se adapte ás novas demandas e novos tempos.

Certificados de garantía de orixe

Hai uns anos eran poucas as comercializadoras que ofrecían enerxía con garantía de orixe 100% renovable. No ano 2015 xa había máis de trinta no estado español e a listaxe vai en aumento. Así, existen opcións para sumarse ao compromiso ecolóxico ca certeza proporcionada por uns mecanismos de control da orixe.

A Comisión Nacional de Mercados da Competencia (CNMC) é o organismo encargado de conceder as chamadas Garantías de Orixe (GDOs), que son uns certificados onde se acredita a cantidade de electricidade producida por fontes renovables ou de coxeneración de alta eficiencia en calquera parte do estado. As comercializadoras que queiran ofrecer enerxía 100% renovable ós seus clientes, deben adquirir as mencionadas GDOs pagando por elas ós produtores de electricidade renovable.

Deste xeito, o consumidor final pode influír activamente na loita contra o cambio climático, xa que ao optar por enerxía con certificado verde, está a incentivar economicamente aos produtores de enerxía renovable.

A CNMC promoveu hai unha década esta certificación para informar debidamente ao consumidor sobre a orixe da enerxía e o impacto ambiental. Segundo o informe da CNMC deste ano 2017 as garantías expedidas mediante o sistema de garantías de orixe representan o 32,6% da produción estatal total do 2016 e o 65,8% respecto da produción estatal procedente de fontes de enerxía renovables e de coxeneración.

Futuro favorable para a enerxía intelixente

As enerxías renovables 100% son un piar fundamental da enerxía intelixente, e se xa na actualidade está a medrar a súa presenza, o futuro semella igualmente favorable. O estudo New Energy Outlook 2017 vaticina que no ano 2040 as renovables serán o xeito máis barato e eficiente de producir electricidade. Ademais, este informe calcula que na década do 2020 a enerxía fotovoltaica experimentará unha redución do 60% nos custes de produción e a eólica un 41%.

Así, apostar pola enerxía verde semella a opción máis axeitada ante as perspectivas futuras no mercado enerxético.