Que é unha comunidade de enerxía renovábel?

É un colectivo legalmente recoñecido e conformado por cidadáns, por empresas ou por institucións de proximidade que se xuntan  co obxectivo de xerar, usar e distribuír a súa propia enerxía producida a través dunha fonte renovábel. Os obxectivos finais destas entidades (xa sexan cooperativas, asociacións, asociacións empresariais ou comunidades de bens) son, principalmente, acadar unha determinada independencia enerxética, a cogobernanza sobre os recursos enerxéticos, o aforro nas facturas individuais e unha maior resistencias fronte a fortes convulsións do mercado como as que estamos a vivir dende o pasado verán.

 Ademais, contan con outra serie de vantaxes que non debemos pasar por alto:

  • Reparto comunal dos gastos de instalación dos medios de produción de enerxía así como o seu mantemento
  • Intercambio de electricidade entre consumidores
  • Subvencións tanto para a súa constitución coma para a instalación de plantas de produción eléctricas.

Malia o  novidoso que lle pode soar a algúns ouvidos esta alternativa, a realidade é que xa está acoutada dende 2018 pola Comisión Europea e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico traballa para dotalas dun marco xurídico estable. Aínda así, o Goberno central xa regulou a través do Real Decreto Lei 23/2020 dous modelos diferentes: Comunidades de Enerxías Renovables e as Comunidades Cidadáns de Enerxía.