As grandes empresas, indemnizadas

Do ‘verán do amor’ ao escuro outono III: As grandes empresas, indemnizadas

Como xa vimos, o chamado tope do gas (ou a excepción ibérica) non nos está a saír gratis. Non é un regalo que chegase nese verán do amor que lle deu paso a este outono incerto. A compensación a ese tope do gas repártese entre os consumidores. Aínda que non todo o mundo nin todos os sectores o asumirán do mesmo xeito esa compensación ao gas que xa se nota nas facturas: Ademais das gasísticas, tamén será indemnizada parte da grande industria. Haberá, polo tanto, que pagar aínda máis, xa que a comezos de setembro -no primeiro debate no Senado entre o presidente de Goberno e o novo líder da oposición no que se abordaron as medidas de aforro enerxético como as célebres restricións ao aire acondicionado- fíxose un anuncio ao respecto da compensación: os sectores que traballen con plantas de coxeneración quedarán tamén cubertos.

A través deste tipo de instalacións é como funcionan determinadas industrias pesadas que empregan gran cantidade de enerxía: químicas, fertilizantes, téxtil, produción de cerámica, ladrillos, alumínicas, etc. E que vén sendo a coxeneración? Pois basicamente é producir varios tipos de enerxía -por exemplo electricidade e calor- nun mesmo proceso. Explicado dun xeito máis elaborado, poderiamos dicir que é un modelo de eficiencia enerxética consistente en producir ao tempo enerxía mecánica, térmica e eléctrica. A principal fonte para as plantas de coxeneración é, como non podía ser doutro xeito, o gas natural.

Garantir a actividade

O Goberno o que fará a partir de agora será estender esta indemnización ao tope do gas -chamado máis eufemisticamente “axuste ao mecanismo ibérico”- a estas industrias que representan ao redor do 20% do PIB estatal. Os obxectivos desta decisión pasan por que non teñan que parar máis sectores en determinados momentos da suba da enerxía e por garantir tanto actividade como a súa actual masa salarial.

Está por ver se esas intencións mantense no tempo, cunha inflación que promete continuar a medrar e co inverno aproximándose cada vez máis. Mais cómpre dicir, que esta serie aínda non rematou, na medida en que aínda non abordamos a situación do gas ruso… E máis da súa billa. que foi pechando pouco a pouco entre bombardeos, idas e voltas, ameazas, supostas reformas e, quizais, presuntas sabotaxes. Mais toda esa historia fica reservada para a próxima e última entrega.