A compensación ao tope do gas

Do ‘verán do amor’ ao escuro outono II: a compensación ao tope do gas.

Como vimos na anterior entrada da nosa web, a excepción ibérica non impediu ao longo do verán que se fosen marcando máximos históricos e que houbese subidas nas facturas máis que considerables. Non obstante, a expeción ibérica permitiu que as subas non fosen tan elevadas coma noutros países (Francia, Alemaña, Bélxica, etc) que carecen deste mecanismo inédito no mercado europeo. Unha ferramenta que consiste en capar o prezo do gas até un tope de entre 40 e 60 euros o prezo xeral do gas para as centrais de ciclo combinado. Pero este límite non é un maná caído do ceo nin un regalo. Pagámolo entre todos e todas:

As gasísticas non aceptaron o tope ao gas sen problema ningún e limitaron os seus prezos, ingresos, beneficios e custes de produción nin máxica nin xenerosamente. A realidade é que se non houbese algún tipo de compensación, poderían abandonar a produción en determinados momentos ao non saír nin remotamente rendible e deixar desabastecido o mercado con todo o que isto implicaría. Para evitar ese desastre, comezouse a incluír nas facturas da luz dos consumidores un apartado chamado “compensación ao tope do gas”. Esta cifra destínase a cubrir a diferenza entre o límite imposto e o prezo real

Nun primeiro momento, reflectiuse unicamente nos recibos dos usuarios que máis se quería protexer da crise enerxética: os que estaban no mercado regulado (PVPC). É dicir, para todo aquel cuxa tarifa vai variando segundo o prezo diario marcado no pool. Ou tomando as desafortundas palabras do presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, os 11 millóns de “tontos” que andaban a pagar máis pola luz por iso, por ser  supostamente “tontos”. Estes clientes asumiron a compensación dende o intre en que se puxo en marcha.

Non obstante, este pagamento a maiores tamén afectará -e xa o está a facer- a todo aquel que estea acollido ao réxime de libre mercado (os supostos non tontos) consistente en ter un prezo xa pactado coas comercializadoras para o kilovatio hora. Estes contratos vanse renovando de forma anual e coa súa actualización, incluíuse xa automaticamente o custe do tope do gas. Segundo algúns cálculos, no momento de iniciarse a excepción ibérica, preto dun 50% dos usuarios sostiñan a compensación. Co vencemento de acordos contractuais e a súa renovación nos últimos meses, a porcentaxe incrementouse até chegar xa ao 80%. Agora repártese este sobrecuste entre máis.

Pero aínda hai máis sorpresas derivadas que, por suposto, deixamos para a seguinte entrega. A intriga sempre en pequenas doses.